Unha árbore formada polas palabras que desde o 14 de abril serviron de "inspiración" para 31 entradas do blog neste tempo de confinamento.
Quedará á dereita da páxina do blog de recordo.
Deixámosvos un padlet con todas as entradas e animámosvos a facer a vosa propia árbore coas palabras máis significativas para vós neste tempo de confinamento, que estamos abandonando pouco a pouco .
O período de confinamento provocou que todos utilizásemos e utilicemos as pantallas (televisión, móbiles, tabletas, ordenadores e videoxogos) moito máis tempo do habitual e do recomendable.
A desescalada na que estamos permitirá ter opción doutras actividades ao aire libre, desconectar das pantallas e relaxar a vista.
Aínda así, no que queda de curso teremos que facer uso delas, polo que recollemos unha serie de recomendacións para unha utilización eficaz:
Seleccionando programas educativos de calidade en función da idade dos nenos e nenas.
Utilizando, se é posible, o dispositivo de forma conxunta. Hai evidencias de que o tempo compartido mirando as pantallas favorece a aprendizaxe de novas palabras e permítenos dirixir a atención cara a un contido específico, falando sobre o que se ve ou reforzando algo relacionado coa vida diaria.
Evitando ter unha actitude inflexible no uso de pantallas. No seu lugar podemos transmitir que é saudable e que non.
Se é preciso, usándoas para manter contacto coa familia e amizades. Esta é unha forma saudable de utilizar as pantallas en todas as idades.
Combinando estas actividades con outras sen pantallas (pasear, xogar, falar, ler, correr...); estas últimas axudarán a manter a saúde mental e física.
Ensinando hábitos saudables cos dispositivos: establecendo tempos de descanso mediático e propoñendo espazos sen dispostivos, incluso para nós mesmos.
Dando exemplo.
Axudando a ser críticos/as e coñecer mellor os recursos de internet.
Aínda así, psicólogos sinalan que as tecnoloxías tiveron puntos positivos durante o confinamento:
Entretiveron (deporte, series, xogos...)
Permitiron que mantivésemos contacto cos demais.
Foron e son unha ferramenta moi importante a nivel educativo.
A nivel de saúde, o abuso de pantallas ten os seus efectos: poden provocar problemas de conciliación de sono, debido á exposición da luz azulada e a alteración na secreción da melatonina; favorecen o autoillamento social e producen irritabilidade.
Un uso excesivo de pantallas pode levar tamén a un aumento da miopía nos xoves e a unha idade máis temperá.
Así, convén:
Fixar un horario en función da idade. A Asociación Americana de Pediatría (APP) en 2018 deu estas recomendacións de uso de pantallas ao día segundo a idade:
ATA OS 18 MESES, CONVÉN EVITAR A EXPOSICIÓN.
DE 2 A 5 ANOS, LIMITAR O USO ENTRE MEDIA HORA E UNHA HORA AO DÍA.
DE 5 A 12 ANOS, É NECESARIO ACOMPAÑAR E SUPERVISARS SEMPRE, PODENDO ESTAR ENTRE UNHA HORA E HORA E MEDIA AO DÍA.
NA ADOLESCENCIA, A NOSA LABOR É MÁIS DE GUÍA E EDUCAR NO USO RESPONSABLE E SAUDABLE DAS TECONOLOXÍAS.
Non expoñerse a elas dúas antes de deitarse.
Descansar cada certo tempo e acordarse de mover as pálpebras de forma voluntaria, xa que a exposición ás pantallas produce unha gran sequidade ocular porque inconscientemente diminúense os movementos reflexos das pálpebras..
Nos seguintes enlaces podedes atopar información de interese:
Creade un plan para o consumo de medios da familia (Asociación americana de Pediatría). Premendo no enlace podedes deseñar un plan de uso das TIC personalizado.
Mediación parental (Internet Segura 4 Kids): nesta páxina atoparedes recomendacións específicas para o acompañamento de menores no uso das TICs por idades.
Estes son algúns recursos para reducir a exposición ás TIC e ocupar o tempo noutras actividades.. Premendo nalgunhas palabras accededes a entradas anteriores do blog.
Comezamos a 4ª e última semana do mes de maio, cumpridos xa 70 días na situación de confinamento á que nos levou o coronavirus e de cheo na fase 2 da desescalada. Estamos rodeados de números.
Na entrada de hoxe imos propoñervos distintos recursos para desenvolver o gusto polos números, pola lóxica, polo razoamento e para fortalecer o talento matemático.
CONSTRÚE O TEU PROPIO TRANGRAM
Na páxina tocamates.com atoparás moitas máis propostas que unen matemática e creatividade. Preme na imaxe para saber como podedes construír un tangram.
O APARCADOIRO
No blog nosolojuegos.blogspot encontramos centos de xogos de lóxica como o do aparacadoiro. Conseguirás sacar o coche negro co menor número de movementos posibles dos outros coches aparcados?
Na mesma páxina tamén nos propoñen este con MISTOS.
Cambiando só de posición tres mistos, temos que conseguir tres cadrados de igual tamaño, de forma que cada misto forme parte dalgún dos cadrados. Animádevos!
Un reo está flanqueado por 4 soldados a cada lado. Debido á súa alta perigosidade, un cabo decidiu reforzar a vixilancia en cada lado, pero non tivo que pedir reforzos. Conseguiuno cambiando de posición só a catro soldados que o vixiaban. Como o fixo?
Neste libro propóñennos 75 xogos de lóxica coa súa solución nun clic. Premede na imaxe para poder descargalo.
ROMBICOSIDODECAEDRO
En matematicasdivertidas.com invítanos a facer un balón coas cartas dunha baralla, seredes capaces? seguro que si!
-¿Qué te cuentas?– Que tengo que hacer estas cuentas. – Lo que tú tienes es cuento. – Vaya, perdí la cuenta al hablar. – Me aburro de tanto contar. – Pues cuenta un cuento. – Conmigo no cuentes. – Entonces, cuenta estos versos. – Déjame ver… así son nueve. – Al llegar a diez está completo.
Moitas poesías con números sérvennos para BOTAR A SORTES, coma esta que encontramos en orellapendella.gal, na que hai moitas máis.
Nun café rifaron un gato, un, dous, tres e catro. Un, dous e tres, zapatiño inglés. A ver a quen lle toca o número catro.
En aprendiendomatematicas.com podemos descubrir moitas actividades de cálculo, lóxica, xeometría, información sobre a historia das matemáticas e moitos libros e contos que as teñen de base.
Seleccionamos estes:
Nestes libros recóllese a biografía de mulleres relevantes nas ciencias e nas matemáticas, e se temos que destacar a unha escollemos a María Wonenburger, nada en Oleiros en 1927. Preme na imaxe para acceder á unidade didáctica sobre ela se queres afondar na súa biografía.
O dicionario da RAG di que pita é unha galiña nova. Tamén se lle pode chamar pola.
As pitas serviron de inspiración para que Ricardo Carvalho Calero, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letra Galegas, escribise un relato breve no que narra un feito anecdótico da súa infancia. "O neno descobre, desde a fiestra da casa, que as pitas estanse a mollar e téntaas facer entrar no galiñeiro. Elas asústanse e, ao final, todos os membros da familia acaban mollados como pitos"
Podedes ler o conto completo accedendo desde a imaxe.
A través deste conto Ricardo Carvalho cóntanos detalles da súa infancia. É importante que se transmitan aos máis pequenos e pequenas como xogabamos cando eramos pequenos, que faciamos, como era a nosa vida, os cambios que se produciron e o que segue igual...cales eran as tradicións que existían e existen.
Deste xeito favorecemos o sentimento de identidade, transmitimos normas e cultura, estabilidade e sentimento de pertenza a un grupo, ao tempo que transmitimos valores importantes como o respecto e a tolerancia.
Os costumes e as tradicións, como xa recollemos noutra entrada na voz de Francesco Tonucci, son unha oportunidade para estreitar vínculos afectivos entre pais, nais, avós, avoas e fillxs, ao recordar as nosas raíces e transmitir o legado dxs antepasadxs, pois é parte da nosa herdanza cultural.
Aproveitade para falar do que faciades cando erades nenxs; preguntádelle aos avós e ás avoas.
Escoitade unhas cancións baseadas no conto interpretadas por "A banda das pitas" e compostas por Pepablo Patinho.
Ricardo Carvalho recorda que: “Cando eu era un cativo, outros galos nos cantaban ... Eran unhas aves ergueitas, lanzás, maxestosas. Cristas bermellas...feros peteiros, ollos acesos, colo tornasolado...podentes azas, esporas douradas; e a cola un chafarís de lumes e de sombras con aquelas longas prumas , corvas como caxatos, como bágoos de pegureiros de bispos orientás”
Invitámosvos a ler, memorizar e intentar repetir a letra doutra canción baseada no conto, "Son un galo Chafarís", que en partes parece un trabalinguas.
Son un galo Chafarís,
teño tres plumas cor rubís
lume e sombra arde en min,
Chafarís Chafarís.
Son un galo Chafarís.
Teño algo de militar,
e un pouco pontifical.
Son un galo Chafarís,
Chafarís, Chafarís,
a podes bulir de aquí.
Son un príncipe idumeu,
arquimandrita siriaco,
levo lóstregos nas ás,
de solpores armado.
Nin raposo, nin xineta
e tampouco a garduña
atrévense cando ven,
toda a miña envergadura.
Se me tomas por un parvo,
e queres probar meu tacto,
cravareiche este espolón
debaixo do teu sobaco.
Escoitade agora a canción a ritmo de tango e animádevos a cantala.
Se vos queredes mover, aproveitade para recuperar algún xogo mentres escoitades a canción, como o das cadeiras.
Ou xogade á "pita cega"
Pita cega que perdiches?
Unha agulla e un dedal
Pois dá tres voltas e os atoparás
Ricardo Carvalho fala da súa irmá Clara neste fragmento de "Os catro":
Dos meus irmáns, foi sempre Clara a que preferín. Tiña cinco anos menos ca min. Fora unha naipela moi linda, redonda, branca e vermella. O seu cabelo era tan roxo que semellaba branco. Era o espírito máis xentil da familia. Estaba sempre leda: era moi agarimosa, aberta e rebuldeira. Falaba moi asisadamente, e decatábase como unha persoa maior de todo o que acontecía arredor dela.
Partindo del convidámosvos a coller unhas fotografías da familia e xogar a describir a cada persoa física e psicolóxicamente, asociándoa a cada unha coas súas cualidades positivas. De seguro que pode haber algunha sorpresa! Podedes tamén escribilas e debuxalas.
O autor dicía: “É verdade que eu asistin desde mui neno a sesóns de teatro, e tamén de cine, que se celebravan en Ferrol (...)”.
Ademais era un gran afeccionado á música, especialmente a un xénero que mestura música e teatro e onde a maior parte da historia é cantada.. á ópera.
Invitámosvos a ver ese vídeo de animación da aria de Verdi - Traviata –Choeurs des Bohèmiens, de “L´Opèra imaginaire”, intepretado por Le Coro dell’Accademia di Santa Cecilia de Rome.
No vídeo cobran vida as larpeiradas. Ricardo tamén recordaba que “Merendábamos tostadas de pan con manteiga e zucre...”.
Xa que falamos de pitas, propoñemosvos esta receita para facer en familia que ten como ingrediente un ovo.
Esperamos que vos guste e pasedes unha moi boa fin de semana!
Algúns dos recursos foron obtidos de:
-Unidade didáctica As pitas baixo a chuvia. Edicións Embora.
Desde que xa podemos saír a pasear, volvemos a desfrutar da paisaxe e de seguro que valoramos as pequenas cousas que observamos moito máis.
Xa dedicamos algunha entrada á natureza, é hoxe imos falar da importancia para nenos e nenas do contacto da natureza e dos seus beneficios.
Algúns expertos chegan a falar do Trastorno de déficit de Natureza para describir o crecente illamento do mundo natural. Evitémolo se é posible saíndo a desfrutar del.
O contacto co mundo que nos rodea axuda a:
Unha formación integral, a un desenvolvemento físico, intelectual e emocinal.
Estimular todos os sentidos.
Potenciar a experimentación e o xogo.
Fomentar a autonomía, creatividade e empatía.
Reducir o nivel de estrés. Favorece o benestar emocional.
Estimular a aprendizaxe.
As actividades que podemos facer durante un paseo pola natureza son infinitas: correr, saltar, observar, tocar, ulir, xogar, recolectar, limpar, analizar, ...
De todo o que podemos observar, imos deternos nas árbores e concretamente nos piñeiros.
Eduardo Pondal, escritor ao que se lle dedicou o Día das Letras Galegas en 1965 compuxo un poema, "Os pinos" a petición do músico Pascual Veiga, quen fixo unha composición musical que foi considerada despois o himno de Galicia.
Neste vídeo dos Bolechas podemos saber máis cousas sobre Pondal. Premede na imaxe.
Para xs máis pequenxs deixámosvos este conto.: "Piñeiro"
O arume é a folla do piñeiro.
Aínda que a mellor época para facer actividades coas follas é o outono, se as atopamos e as secamos podemos facer con elas moitas cousas: coleccionar, clasificar, ordenar...
ESTAMPACIÓNS
COMPOSICIÓNS
E incluso MANDALAS
Pondal estudou medicina. Descubride a Olimpia Valencia, a primeira muller licenciada en Medicina en Galicia.
Imaxe de BRAVAS. Científicas e artistas galegas da nosa historia. 7HCooperativa Cultura.
Pondal nos seus poemas tamén falou da Lúa e do luar, mesmo aparece no himno galego.
Esoitade, observade e desfrutade destas dúas montaxes feitas por nenos e nenas a partir de dous contos. Premede nas imaxes para velos e animádevos a facer unha montaxe do voso conto favorito.
Aproveitemos ás saídas á natureza para relaxarnos. Na casa tamén o podemos facer pechando os ollos, escoitando os seus sons e respirando de forma efectiva.
O estado de confinamento fixo que valorásemos moitas profesións de gran importancia para que puidésemos sobrevivir neste tempo.
Unhas delas son as dedicadas á agricultura e á gandería.
Isabel Ramos, unha traballadora especializada en muxir, dicía nunha entrevista nun xornal: "Agora a xente empeza a darse conta do importante que é isto, o noso traballo. No caso de que paráramos, non habería que comer"
Grazas ao seu traballo e esforzo puidemos e podemos ter alimentos do agro todos os días.
O esforzo é outro valor que convén fomentar nos nosos fillos e fillas. Implica facer o que nos custa, a pesar disto e de que non teñamos ganas de facelo. Está moi asociado coa superación.
Convidámosvos a poñer voz a este vídeo para reflexionar sobre a súa importancia.
O humorista Josh Billings dixo que "A vida non consiste en ter boas cartas, senón en xogar ben as que un ten". Como pais e nais podemos axudar a xogar ben coas súas cartas fomentando a capacidade de esforzarse.
Por que?
O esforzo sempre ten recompensa, sobre todo a nivel persoal, na nosa autoestima.
Todo o importante na vida se consegue con esforzo; o logro conleva sempre esforzo e constancia.
Normalmente, o que máis queremos, máis esforzo nos custa e ao mesmo tempo máis satisfacción xera.
Como?
Dando exemplo.
Motivándo polo seu comportamento co que se aumentará a súa autoestima.
Dando o tempo que precisen para resolver os problemas.
Axudando ao comezo se é preciso para evitar a frustración, retirándoa pouco a pouco para se dea conta de que pode facelo por si mesmx.
Fomentando a responsabilidade nas súas obrigas e na cooperación nas tarefas domésticas.
Suxirindo opcións, alternativas, evitando dar ordes.
Mantendo expectativas razoables adaptadas ás súas posibilidades e capacidades para favorecer a motivación.
A falta de esforzo pode conlevar unha baixa autoestima e un alto nivel de frustración.
Isabel, a gandeira da que falabamos ao comezo, seguro que sabe moito de esforzo, traballo e constancia.
Aos traballos do campo téñenselle dedicados moitas obras artísticas.
Manuel María, poeta, narrador, dramaturgo e académico da lingua galega, ao que se lle dedicou o día Día das Letras Galegas en 2016, escribiu un poema dedicado a unha importante ferramenta de traballo dos agricultores noutros tempos, a "O Carro", que forma parte da obra Terra Chá (1954) e que foi musicado por Baldomero Iglesias e Fuxan os Ventos editou no seu disco O Tequeletéquele (1977).
Recordade ou descubrideo seu son e cantade esta fermosa canción, ao tempo que podemos aproveitar para falar dos costumes do campo. Podedes tamén ilustralo igual que a rapazada de 5º e 6º do CEIP Armenteira mentres a escoitades.
Este é outro poema dedicado a ”O carro”, do poeta Emilio Álvarez Blázquez do seu libro Poemas de ti e de min, atopado na Antoloxía da Literatura Galega, do Laurentino Francisco Fernández del Riego. Foi musicado por A Quenlla e Suso Vaamonde.
Animádevos a memorizalo.
-¿QUE LEVAS, carro baleiro, que levas pola costiña? -Levo a mañanciña toda, con un galo loiro enriba. -¿Que levas, carro baleiro, que levas pola costiña? -Levo a serán con un merlo asubía que asubía. ¿Que levas, carro do tempo, costa abaixo, costa arriba? -Levo semente de estrela pra sementeira dos días.
E se facemos un con fiunchos, nabos, unha lata ou castañas? Podedes crear un con outros materiais ou con pezas de construcións.
Premede nas imaxes para saber como se fan.
A importancia do carro para o desenvolvemento das tarefas do noso agro quedou tamén recollida no refraneiro popular.
Deixámosvos unha mostra deles que teñen o carro como fío condutor para que poidades ler, reflexionar sobre eles para entendelos e memorizar. Trallaremos a linguaxe aprendendo mentres coñecemos a vida do campo.
Na entrada de onte falabamos das Letras Galegas... con maiúscula.
Durante esta semana seguiremos tratando distintos temas relacionados coa orientación educativa a partir de palabras significativas, bonitas e fermosas da nosa lingua.
E hoxe ímolo facer... con sentidiño.
Sentidiño que temos que ter máis que nunca para continuar "desescalando" e volver á "nova normalidade".
Cando nós falamos de ter sentidiño, falamos de actuar con responsabilidade.
É importante que fomentemos este valor nxs nosxs fillxs, que nesta situación pola que pasamos nos están dando moitas leccións seguindo as normas fixadas de forma exemplar.
Apostando por ensinarlles a ser responsables favorecemos que:
Sexan persoas capaces de traballar e esforzarse para poder acadar os seus obxectivos e os compromisos que posúan.
Sexan disciplinadxs nas distintas facetas da súa vida.
Consigan que os demais confíen nelxs e nas súas capacidades.
Un excelente recurso para falar deste valor son, coma sempre, os contos. Aquí vos deixamos dous.
Como podemos fomentar a resposabilidade?
Estas son algunhas estratexias útiles:
Establecer normas no fogar.
Ensinar os beneficios que se obteñen por medio da responsabilidade.
Estimular a autonomía e a autoestima.
Servir de exemplo. Apréndese por imitación.
Repartir as tarefas da casa en función das súas capacidades.
Reforzar esta aprendizaxe que tamén se fomenta na escola.
Facer ver que o esforzo ten recompensas, sobre todo a nivel persoal.
Ensinar a aprender dos erros. De todo pode sacar unha aprendizaxe positiva.
Utilizar unha linguaxe clara e comprensible, sen complicacións. Animámosvos a poñer voz a este vídeo sobre a responsabilidade para reflexionar sobre el.
Motivar ante as tarefas realizadas, o esforzo feito e a cumprir coas responsabilidades por difícil que poidan parecer. Moitas veces preferirán deixar que nós resolvamos algunhas tarefas por desconfianza, inseguridade ou temor.
Podemos falar do medo a partir deste conto, "Xa non teño medo", incluído no libro "Eu conto, ti contas" de María Victoria Moreno, escritora homenaxeada nas Letras Galegas 2018.
Ademais de ser nós exemplo de responsabilidade, que é do máis importante, tamén podemos falar coa rapazada de persoas destacadas polo seu compromiso e responsabilidade, como da escritora e xornalisa Concepción Arenal.
Imaxe de BRAVAS. Científicas e artistas galegas da nosa historia. 7HCooperativa Cultura.
O xogotamén é unha boa ferramenta para fomentar a responsabilidade ademais doutros valores. Deixámosvos tres exemplos:
O guía. Unha persoa ten un pano nos ollos para evitar ver e outra guíao para realizar un circuíto.
Transportando. Entre todxs intentar levar unha bolas enriba dun pano ou dun papel/cartolina por un circuíto evitando que caian.
Carreiras de relevos. Se non podedes correr, podedes facelo soprando.
Rematamos hoxe con este vídeo da campaña #PONTELOVERS do Concello de Pontevedra como homenaxe a todas as persoas que nos están axudando neste momento e onde se nos pide ...
e recordando as recomendacións básicas que debemos seguir.