venres, 15 de maio de 2020

VENRES 15_PITAS


O dicionario da RAG di que pita é unha galiña nova. Tamén se lle pode chamar pola.


As pitas serviron de inspiración para que Ricardo Carvalho Calero, autor ao que se lle dedica este ano o Día das Letra Galegas, escribise un relato breve no que narra un feito anecdótico da súa infancia. "O neno descobre, desde a fiestra da casa, que as pitas estanse a mollar e téntaas facer entrar no galiñeiro. Elas asústanse e, ao final, todos os membros da familia acaban mollados como pitos"

Podedes ler o conto completo accedendo desde a imaxe.


A través deste conto Ricardo Carvalho cóntanos detalles da súa infancia. É importante que se transmitan aos máis pequenos e pequenas como xogabamos cando eramos pequenos, que faciamos, como era a nosa vida, os cambios que se produciron e o que segue igual...cales eran as tradicións que existían e existen.

Deste xeito favorecemos o sentimento de identidade, transmitimos normas e cultura, estabilidade e sentimento de pertenza a un grupo, ao tempo que transmitimos valores importantes como o respecto e a tolerancia.

Os costumes e as tradicións, como xa recollemos noutra entrada na voz de Francesco Tonucci, son unha oportunidade para estreitar vínculos afectivos entre pais, nais, avós, avoas e fillxs, ao recordar as nosas raíces e transmitir o legado dxs antepasadxs, pois é parte da nosa herdanza cultural.

Aproveitade para falar do que faciades cando erades nenxs; preguntádelle aos avós e ás avoas.

Escoitade unhas cancións baseadas no conto interpretadas por "A banda das pitas" e compostas por Pepablo Patinho.


   


Ricardo Carvalho recorda que: “Cando eu era un cativo, outros galos nos cantaban ... Eran unhas aves ergueitas, lanzás, maxestosas. Cristas bermellas...feros peteiros, ollos acesos, colo tornasolado...podentes azas, esporas douradas; e a cola un chafarís de lumes e de sombras con aquelas longas prumas , corvas como caxatos, como bágoos de pegureiros de bispos orientás”

Invitámosvos a ler, memorizar e intentar repetir a letra doutra canción baseada no conto, "Son un galo Chafarís", que en partes parece un trabalinguas.

Son un galo Chafarís,
teño tres plumas cor rubís
lume e sombra arde en min,
Chafarís Chafarís.
Son un galo Chafarís.
Teño algo de militar,
e un pouco pontifical.
Son un galo Chafarís,
Chafarís, Chafarís,
a podes bulir de aquí.
Son un príncipe idumeu,
arquimandrita siriaco,
levo lóstregos nas ás,
de solpores armado.
Nin raposo, nin xineta
e tampouco a garduña
atrévense cando ven,
toda a miña envergadura.
Se me tomas por un parvo,
e queres probar meu tacto,
cravareiche este espolón
debaixo do teu sobaco.

Escoitade agora a canción a ritmo de tango e animádevos a cantala.



Se vos queredes mover, aproveitade para recuperar algún xogo mentres escoitades a canción, como o das cadeiras.

Ou xogade á "pita cega"
  1. Pita cega que perdiches? 
  2. Unha agulla e un dedal 
  3. Pois dá tres voltas e os atoparás

Ricardo Carvalho fala da súa irmá Clara neste fragmento de  "Os catro":

Dos  meus irmáns, foi sempre Clara a que preferín. Tiña cinco anos menos ca min. Fora unha naipela moi linda, redonda, branca e vermella. O seu cabelo era tan roxo que semellaba branco. Era o espírito máis xentil da familia. Estaba sempre leda: era moi agarimosa, aberta e rebuldeira. Falaba moi asisadamente, e decatábase como unha persoa maior de todo o que acontecía arredor dela.

Partindo del convidámosvos a coller unhas fotografías da familia e xogar a describir a cada persoa física e psicolóxicamente, asociándoa a cada unha coas súas cualidades positivas. De seguro que pode haber algunha sorpresa! Podedes tamén escribilas e debuxalas.


O autor dicía:  “É verdade que eu asistin desde mui neno a sesóns de teatro, e tamén de cine, que se celebravan en Ferrol (...)”.
Ademais era un gran afeccionado á música, especialmente a un xénero que mestura música e teatro e onde a maior parte da historia é cantada.. á ópera.

Invitámosvos a ver ese vídeo de animación da aria de Verdi - Traviata –Choeurs des Bohèmiens, de “L´Opèra imaginaire”, intepretado por Le Coro dell’Accademia di Santa Cecilia de Rome. 


No vídeo cobran vida as larpeiradas. Ricardo tamén recordaba que “Merendábamos tostadas de pan con manteiga e zucre...”.
Xa que falamos de pitas, propoñemosvos esta receita para facer en familia que ten como ingrediente un ovo.


Esperamos que vos guste e pasedes unha moi boa fin de semana!


Algúns dos recursos foron obtidos de:
-Unidade didáctica As pitas baixo a chuvia. Edicións Embora.
-Unidades didácticas Ricardo Carvalho Calero . Seminario Galán
-Aspitas.gal

Ningún comentario:

Publicar un comentario