Hoxe imos continuar falando da curiosidade, do asombro, da man de Catherine L´Ecuyer recollendo esta media ducia de ideas que nos dá para fomentalo nos nenos e nenas.
- A neuroloxía e a psicoloxía son unánimes ao dicir que non se poden facer ben dúas cousas á vez, de aí o problema dos nenos/as multitarea, que ela define como enamorados/as da irrelevancia. Por iso non é recomendable que haxa saturación ao mesmo tempo de actividades no móbil, tableta, ordenador ...
- Hai que respectar os ritmos de cada neno/a e a etapa da infancia; viven o presente, non pensan nin no pasado nin no futuro. O asombro é non dar nada por suposto, teñen que ser nenos/as, xogar e dar renda solta á imaxinación. Cando non se vive a nenez cando toca , faise máis adiante e con peores consecuencias.
- É moi importante manter vivo o desexo nos nenos/as. A forma máis directa de matar o asombro, o desexo polo coñecemento, é o consumismo. Cando os nenos/as teñen de todo e téñeno antes de poder desexalo, ataféganselles os sentidos, son incapaces de sentir e vivir o que pasa dan todo por suposto e terminan afacéndose a que todo debe comportarse como eles queren. Empeza sendo así coas cousas e termina séndoo tamén coas persoas.
- A beleza asombra. Os filósofos definen a beleza como a expresión visible da verdade e a bondade. Hai que favorecer que os nenos aprecien a beleza, a natureza, o silencio.
- Hai que deixar un espazo para o misterio. O misterio é unha porta para o coñecemento que cruzamos grazas á forza da curiosidade. Os nenos/as teñen unha gran afinidade co misterio.
- Os nenos/as necesitan límites e o asombro é o que dá sentido á rutina. Esta pode ser boa para eles, pero non sempre o é. O que dá sentido á rutina dos nenos/as son as persoas coas que fan as cousas. Porque eles/as triangulan entre a contorna e os seus coidadores, as persoas que lles queren: pai/nai, profesorado, etcétera.
Así, seguindo a liña das propostas que recolliamos onte, podemos continuar aproveitando esta oportunidade de tempo compartido, en función da situación persoal e laboral, para ensinar a facer cousas sinxelas domésticas, partindo desta táboa Montessori de tarefas domésticas:
Aos 2 e 3 anos
Gardar os seus xoguetes en caixas e no seu andel
Limpar o súa mesiña e os seus mobles
Tirar as cousas ao lixo
Axudar a recoller o lavalouzas
Estirar o edredón da súa cama
Poñer a mesa de forma sinxela
Regar plantas
Comer só/soa
Gardar os seus contos
Aos 4 e 5 anos
Ordenar o seu cuarto
Limpar e gardar ben os pratos
Ordenar os cubertos
Recoller o lavalouzas
Dobrar a roupa sinxela
Poñer a mesa ao completo
Vestirse só/soa
Lavarse
Aos 6 e 7 anos
Recoller o lixo
Facer ensaladas
Preparar sinxelos pratos de cociña
Dobrar roupa mais complicada
Preparar a súa mochila
Limpar o baño en profundidade
Facer costuras sinxelas
Comezar a pasar o ferro a roupa
A partir dos 12 anos
Pasar o ferro á roupa
Pintar as paredes
Realizar reparacións sinxelas en casa
Podedes atopar referencia aos libros de Catherine L´Ecuyer e a outras recomendacións de lecturas educativas nesta entrada de Biblionós.
Ningún comentario:
Publicar un comentario