luns, 11 de maio de 2020

LUNS 11 _ LETRAS

Na escola sempre andamos traballando e xogando coas letras.

Maio é o mes das Letras, das letras con maiúscula, porque nel celébrase o Día das Letras Galegas, concretamente o día 17 de maio, xa que en tal día coma ese, en 1863 publicouse Cantares Gallegos, de Rosalía de Castro, que marcaría o inicio do Rexurdimento ou renacemento cultural galego.

Levamos moito falado de emocións a partir normalmente de contos ou de cancións.
Hoxe imos facelo tamén con cancións e con  poesía, pois as dúas, poesía e emoción, van da man ao igual que a música.

A poesía potencia a creatividade, ensina vocabulario, fomenta o hábito da lectura e permite falar de emocións.

Invitámosvos a escoitar o poema "Rosalía pequeniña", escrito por Uxía Senlle e musicado por Magín Blanco, recollido no libro do mesmo nome dedicado a Rosalía de Castro e ilustrado por Marina Seoane.
  • Como era Rosalía pequeniña?
  • Que lle gustaba?
  • Que palabras aparecen na poesía que sexan novas para vós ?
  • Que vos transmite esta música? 
  • Como vos fai sentir? Aproveitade para relaxarvos.

Xogar coa poesía tamén é unha forma de fomentar o desenvolvemento da linguaxe nos nenos e nenas.

Axuda a:
  • Verbalizar máis palabras.
  • Desenvolver o vocabulario.
  • Potenciar a concentración.
  • Fomentar a imaxinación.
  • Familiarizarse coas rimas e co ritmo da linguaxe oral.
  • Crear interese polo mundo literario.
Convidámosvos a escoitar "Parece unha rosa", ilustrado por Isabel Pintado en Espiral Maior, que toma a primeira parte do poema "Vente rapasa" de Rosalía de Castro en "Cantares Gallegos".

Podedes falar sobre as poesías e intentar memorizar algunha.



E xa que estamos en maio, o mes das flores, podemos facer unha flor con papel.
E se vos animades, compartir unhas horas facendo un maio.



A poesía de Rosalía foi moitas veces musicada. Roi Casal fíxoo coa primeira parte do poema "Meniña, ti a máis fermosa" de Rosalía de Castro tamén en Cantares Gallegos, baixo o título "Ninfa das frescas augas" no seu primeiro disco.

Que sensacións vos produce esta poesía acompañada do son da arpa?
Poderiamos practicar a relaxación da nube.



Co poema 16 de Cantares Gallegos, "Eu ben vin estar o moucho", Migallas deulle un ritmo distinto e nenos/as doutro centro ilustraron.

Pensade no que vos transmiten esta poesía e esta canción. 

Intentade tamén facer a vosa propia ilustración despois de escoitala. Podedes facer o mesmo con algunha das anteriores e observar se hai algunha diferenza nos debuxos feitos e nas cores utilizadas.
O debuxo é unha magnífica vía de expresión de sentimentos.


Podemos aproveitar para falar do medo e das estratexias que podemos seguir para canalizalo. Estas son algunhas: falar, analizar a situación xutnos, buscar/dar apoio e seguridade, respirar produndamente, pensar en cousas agradables, debuxalo e gardalo nunha caixa).

A mesma poesía foi versionada por alumnado do IES Rosalía a ritmo de RAP.
Que sensacións produce este ritmo?
Poderiades transformar as primeiras poesías nun RAP? Adiante!



Aquí vos deixamos para intentar reproducir ou versionar un moucho feito con rollas e pauíños.


No poema 15 de Cantares Gallegos, "Adiós ríos adiós fontes" interpretado no vídeo por Amancio Prada acompañado pola Filharmónica de Galicia, Rosalía de Castro transmite a tristura dun emigrante ao deixar a súa terra.

Ela escribía e trasladaba os seus sentimentos a través da poesía.
Que podemos facer nós cando estamos tristes? A pensar...



Os bolechas tamén falan de sentimentos e de emocións a partir deste poema no seguinte vídeo.
Premede na imaxe para acceder.


E recordade que...




Ningún comentario:

Publicar un comentario