Hoxe seguiremos coidando a parte emocional e imos facelo falando de bicos.
E que mellor que empezar cun conto de Raquel Díaz Reguera no que nara a historia dun bico que se escapou pola ventá e fixo que todo o vecindario se transformase durante un día, mellorando a súa realidade. Con el ensalza o poder dos bicos e do cariño, ferramentas das que podemos botar man para calmar e fortalecer os ánimos nestes días e sempre.
Así podemos controlar os momentos de enfado ou de ira.
Como xa comentamos noutas entradas, convén ensinar a recoñecer, entender e xestionar as emocións, identificándoas e poñéndolles nome, saber o que as provocou e se unha emoción negativa é útil ou inútil, para poder xestionala tratando de regular o sentimento que nos provoca.
Unha estratexia para relativizar os problemas é meter o problema ou o enfado mentalmente nun globo mentres se infla. Despois podedes xogar con el cos pés, coas mans, coa cabeza... mentres facemos exercicio imos esquecéndoo e finalmente estoupámolo para que o problemas ou o enfado se evaporen.
PERO... PARA QUE SERVEN OS BICOS
Podes debuxar nun folio un bico e preguntarlles e preguntarnos que bicos recibimos ou damos, para que serven cada un deles, gústanme eses bicos, que queren dicir ...podemos debuxar ou escribir as palabras que se nos ocorran e facer unha fermosa colaxe.
Aquí tedes un modelo se precisades.
Convén:
- Non presionar para que un neno ou unha nena dea un bico ou un abrazo.
- Preguntarlle se quere dalo e respectar a súa liberdade emocional.
- Explicar o que significan os bicos e as apertas.
- Amosar diferentes formas de saudar.
- E coma sempre, educar co exemplo.
Propoñémosvos que escoitedes estes contos e pensedes en que cor teñen os bicos para vós.
Para E. Infantil.
Para E. Primaria
Se necesitades podedes utilizar o modelo facilitado antes.
A CAIXA DOS BICOS
Unha actividade que podedes facer relacionado cos bicos e o afecto, é debuxar un bico nun papel e na parte de atrás un agasallo para unha persoa, o que queiramos.
Con eles podemos:
- Metelos todos nunha caixa e cando estamos tristes ou baixos de ánimo, ir a ela e coller un regalo. De seguro que nos alegramos.
- Ter varios botes ou caixas, un para cada persoa da que nos acordemos. Cando nos lembremos delas faremos un debuxo dun bico /agasallo, que podemos entregarlle cando a vexamos.
BICOS FAMOSOS
E se falamos de bicos na arte, non podemos esquecer "O bico" de Klimt. Animámosvos a reproducilo e a enviarnos os resultados.
Premede na imaxe para ver o resultado desta proposta vía borraghanchos.blogspot.
Facendo clic na imaxe tedes ideas de como facer o manto.
BICOS E NON BALAS
Desde o confinamento, Antonio García Teijeiro séguenos deixando versos, neste caso do seu libro Bicos e non balas.
BICOS DE DEDOS
Esta actividade axudaranos a relaxarnos cando o precisemos.
UN BICO POLO AIRE
Mentres non pidamos dalos en persoa, podemos enviar un bico polo aire a familiares ou amizades cantando en Lingua de Signos .
BICOS DE MÚSICA
Con esta canción de Mamá Cabra podemos:
- Aprendela e cantar.
- Movernos aprendendo a coreografía.
- Utilizala para afastar medos que poidamos ter antes de deitarnos ou tranquilizarnos para ter un sono reparador.
E para os máis pequenos/as con esta canción de Cé orquestra pantasma descubrimos o ricos que son os bicos.
SEMENTANDO BICOS
Sementade bicos e afecto, porque as persoas aprendemos observando aos demais, ao contorno.
Ningún comentario:
Publicar un comentario