domingo, 15 de marzo de 2020

14 DÍAS NA CASA _ COMO NOS ORGANIZAMOS?

O coronavirus "invítanos" a pasar uns días na casa sen poder saír. Aumenta o tempo de convivencia nunha situación novidosa, que convén que xestionemos de forma axeitada, sobre todo a nivel emocional. 
Trátase de intentar de cambiar os nosos hábitos e de levar esta situación o mellor posible evitando a crispación.

QUE PODEMOS FACER?
  1. Organizar o horario. Será difícil seguir o horario habitual, pero si convén fixar unha hora para levantarse e deitarse, comidas, actividades do día e tempo libre, sempre con certa flexibilidade. Intentar seguir dentro do posible a rutina habitual.
  2. Fixar un tempo para facer as tarefas propostas polo o profesorado. A mañá pode ser un bo momento. En función da idade, eses tempos serán de distinta duración; canto máis pequenos/as máis breves e intercalando máis momentos de descanso ou actividades que exixan menos concentración. 
  3. Limitar o tempo de pantallas. Evitar o seu uso abusivo.
  4. Xogar: xogos de mesa, construcións, monecos, coches, xogos activos...
  5. Ler: individualmente, en grupo, dramatizar ...
  6. Colaborar nas tarefas domésticas, en función da idade. Podemos aproveitar este tempo para mellorar a autonomía e as responsabilidades: cociña, orde, coidado de plantas e mascotas, limpeza...
  7. Manualidades.
  8. Se os adultos temos que teletraballar, podemos avisar cando teñamos que facelo e fixar ese tempo no que non se poderá molestar.
  9. Falar. Tempo para coñecerse máis e mellor. Ademais, convén falar desta situación dunha forma tranquila, sen estimular o medo e resolvendo calquera dúbida que poidan ter, con calma, seguridade e sinceridade. Aproveitar para recordarlles os síntomas e as medidas de prevención.
  10. E ... aburrirse, se ocorre, non é malo. Axudará a potenciar a creatividade e a imaxinación 

Resultado de imaxes para: actividades en casa


A OMS fai estas recomendacións de actuación á familias e docentes:
  • Explicar a situación con claridade e palabras que poidan entender. evitando explicar máis do conveniente segundo a idade. Protexer das informacións que aínda non poidan procesar e evitar que escoiten conversacións de adultos sobre a situación.
  • Atender ás demandas de atención, ás súas preocupacións ou temores, escoitándoos e transmitindo calma e afecto.
  • Protexer as súas emocións. Ante unha situación excepcional, temos que intentar ser comprensivos e buscar espazos de relaxación.
  • Procurar manter contacto cos referentes familiares; o teléfono, as mensaxes de audio ou as videoconferencias axudaránnos.
  • Organizar as novas rutinas e uns horarios regulares.

Ningún comentario:

Publicar un comentario