ACOSO ESCOLAR:TOLERANCIA CERO

mércores, 13 de maio de 2020

MÉRCORES 13_CARRO

O estado de confinamento fixo que valorásemos moitas profesións de gran importancia para que puidésemos sobrevivir neste tempo.
Unhas delas son as dedicadas á agricultura e á gandería. 
Isabel Ramos, unha traballadora especializada en muxir, dicía nunha entrevista nun xornal: "Agora a xente empeza a darse conta do importante que é isto, o noso traballo. No caso de que paráramos, non habería que comer"

Grazas ao seu traballo e esforzo puidemos e podemos ter alimentos do agro todos os días.

O esforzo é outro valor que convén fomentar nos nosos fillos e fillas. Implica facer o que nos custa, a pesar disto e de que non teñamos ganas de facelo. Está moi asociado coa superación.

Convidámosvos a poñer voz a este vídeo para reflexionar sobre a súa importancia.


O humorista Josh Billings dixo que "A vida non consiste en ter boas cartas, senón en xogar ben as que un ten". Como pais e nais podemos axudar a xogar ben coas súas cartas fomentando a capacidade de esforzarse.

Por que?
  • O esforzo sempre ten recompensa, sobre todo a nivel persoal, na nosa autoestima.
  • Todo o importante na vida se consegue con esforzo; o logro conleva sempre esforzo e constancia.
  • Normalmente, o que máis queremos, máis esforzo nos custa e ao mesmo tempo máis satisfacción xera.
Como?
  • Dando exemplo.
  • Motivándo polo seu comportamento co que se aumentará a súa autoestima.
  • Dando o tempo que precisen para resolver os problemas.
  • Axudando ao comezo se é preciso para evitar a frustración, retirándoa pouco a pouco para se dea conta de que pode facelo por si mesmx.
  • Fomentando a responsabilidade nas súas obrigas e na cooperación nas tarefas domésticas.
  • Suxirindo opcións, alternativas, evitando dar ordes.
  • Mantendo expectativas razoables adaptadas ás súas posibilidades e capacidades para favorecer a motivación.
A falta de esforzo pode conlevar unha baixa autoestima e un alto nivel de frustración.

Isabel, a gandeira da que falabamos ao comezo, seguro que sabe moito de esforzo, traballo e constancia.
Aos traballos do campo téñenselle dedicados moitas obras artísticas.

Manuel María, poeta, narrador, dramaturgo e académico da lingua galega, ao que se lle dedicou o día Día das Letras Galegas en 2016, escribiu un poema dedicado a unha importante ferramenta de traballo dos agricultores noutros tempos, a "O Carro",  que forma parte da obra Terra Chá (1954) e que foi musicado por Baldomero Iglesias e Fuxan os Ventos editou no seu disco O Tequeletéquele (1977).

Recordade ou descubride o seu son e cantade esta fermosa canción, ao tempo que podemos aproveitar para falar dos costumes do campo. Podedes tamén ilustralo igual que a rapazada de 5º e 6º do CEIP Armenteira mentres a escoitades.




Este é outro poema dedicado a ”O carro”, do poeta Emilio Álvarez Blázquez do seu libro Poemas de ti e de min, atopado na Antoloxía da Literatura Galega, do Laurentino Francisco Fernández del Riego. Foi musicado por A Quenlla e Suso Vaamonde.

Animádevos a memorizalo.

-¿QUE LEVAS, carro baleiro,
que levas pola costiña?
-Levo a mañanciña toda,
con un galo loiro enriba.
-¿Que levas, carro baleiro,
que levas pola costiña?
-Levo a serán con un merlo
asubía que asubía.
¿Que levas, carro do tempo,
costa abaixo, costa arriba?
-Levo semente de estrela
pra sementeira dos días.

E se facemos un con fiunchos, nabos, unha lata ou castañas? Podedes crear un con outros materiais ou con pezas de construcións. 
Premede nas imaxes para saber como se fan.

  

   

A importancia do carro para o desenvolvemento das tarefas do noso agro quedou tamén recollida no refraneiro popular.
Deixámosvos unha mostra deles que teñen o carro como fío condutor para que poidades ler, reflexionar sobre eles para entendelos e memorizar. Trallaremos a linguaxe aprendendo mentres coñecemos a vida do campo. 
Aquí tedes moitos máis.

O que non ten carro nin bois, anda antes ou despois

Nin por arrodeos nin por atallos nunca te apartes do camiño dos carros
Cando o carro canta é que vai cheo
Carros grandes son días santos
Carro derradeiro, ou ben cargado ou ben baldeiro
Dúas augas de abril e unha de maio valen os bois e o carro
Maio pardo e san Xoan claro valen máis cós bois e o carro
Abril quente e mollado, carga o carro e engorda o gando

O Carro do país

Incluso nos dán para falar de coeducación e igualdade.
Carros vellos e mulleres pobres acaban cos homes
Carros vellos e mobles podres acaban cos homes
Muller e carro de bois na Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela (1917)


Muller e carro de bois na Praza do Obradoiro, Santiago de Compostela (1917)

Máis  Galicia en imaxes aquí.


A pintora María Antonia Dans reproduciu un carro nesta obra. Invitámosvos a reproducila coa técnica que queirades ou a crear unha nova.
Sairá unha composición marabillosa cun pouco de... esforzo!


Ningún comentario:

Publicar un comentario